About Lexicon

A feature rich and highly configurable, professional Joomla theme.

Icône d'Elisabeth de la Trinité - Carmel de HarissaSeñor, meu Deus, Trinidade a quen adoro, axúdame a esquecerme enteiramente para enraizarme en Ti, inmóvil e tranquilo/a, coma se a miña alma estivera xa na eternidade. Que nada poida conturbar a miña paz,nin facerme saír de Ti, meu Deus inmutable, senón que cada minuto me faga mergullarme máis na fondura do teu Misterio. Acouga a miña alma, fai dela o teu ceo, o teu fogar de amor,e o lugar do teu repouso. Que non te deixe soíño nela, senón que estea aí co meu ser todo, desperto todo na fe miña,enteiramente adorándote, consagrado de cheo á obra túa creadora.

Cristo amado, crucificado por amor, a miña alma quixera ser unha esposa para o teu Corazón, quixera encherte de gloria ; amarte… ata morrer de amor. Mais sinto a miña impotencia e pídoche “ser revestido de Ti mesmo” ; identifica a miña alma con tódolos movementos da túa, mergúllame, invádeme, faime ser Ti mesmo, para que a vida miña non sexa senón irradiación da túa vida. Ven a min como Adorador, como Reparador e como Salvador.

Verbo eterno, Palabra de meu Deus, quero pasala miña vida escoitándote, quero facerme dócil ás túas ensinanzas, para aprendelo todo de Ti. E logo, a través de tódalas noites, de tódolos baleiros, de tódalas impotencias, quero ollarte sempre e permanecer baixo a túa gran luz ; meu Astro amado, enfeitízame para que non poida saír da túa irradiación.

Fogo consumidor, Espíritu de amor, “descende a min” para se faga na miña alma coma unha encarnación do Verbo : Que sexa para Él unha humanidade complementaria na que renove todo o seu Misterio. E Ti, Padre eterno, inclínate cara a túa meniña creatura, “cúbrea coa túa sombra”, non mires nela máis que ao “Ben-amado, en quen puxeches tódalas túas compracencias”.

Meus Tres, meu Todo, miña Boaventura, Soedade infinita, Inmensidade na que me perdo, doume a Ti coma unha presa. Encérrate en min para que eu me encerre en Ti, mentres agardo ir contemplar, na túa luz,o abismo das túas grandezas.